Comunicados

Afondando na práctica (Semana 25)

Se queres tocar as marabillas da vida, regresa ó momento presente. Practica a respiración consciente e atoparaste no aquí e o agora.

Thich Nhat Hanh

Querida Sangha,

Esta semana compartimos a última proposta de Thay incluida no Manual para a Plena Consciencia. Nela, faise unha invitación a observar cada dúas semanas un tipo de formación mental diferente para afacernos ó proceso de como xurde, que a alimenta, como desaparece ou que facemos para que perdure máis tempo (no caso de ser unha formación mental positiva).

As formacións mentais, segundo a psicoloxía budista, son como sementes nun campo esperando ás condicións idóneas para manifestarse. Por exemplo, unha semente chamada “ansiedade” pode estar descansando plácidamente no noso almacén da conciencia, sen manifestarse, ata que acada as condicións necesarias para xerminar (pensamentos recurrentes, unha palabra allea, unha noticia desagradale…) e brotar florecida e robusta na nosa mente consciente.

Un exemplo coma este pode axudarnos a sentirnos máis activos nese proceso de nacemento, establecemento e morte da formación mental, sentíndonos máis seguros e menos vulnerables ante as circunstancias externas e ante as forzas do hábito.

No libro Comprender nuestra mente, Thay (Thich Nhat Hanh) nos fala de 51 formacións mentais divididas  en distintos tipos. Entre elas compartimos:

  • As once formacións beneficiosas: a fe, o remordemento ou vergoña, o pudor ou a humildade, a ausencia de avidez, a falta de aversión, a ausencia de ignorancia e confusión, a enerxía, a paz ou calma, o coidado, a ecuanimidade ou non discrimincación, e a non violencia ou non causar dano.
  • As vinteséis formacións mentais non beneficiosas: a avidez ou o apego, a aversión ou odio, o orgullo ou arrogancia, a ignorancia ou engano, as opinións ou visións erróneas, a dúbida ou sospeita, a ira ou irritación, a enemistade ou animadversión, a hipocresía, a maldade ou resentimento, a envexa ou celos, o egoísmo, a falsedade, a malicia, a exuberancia dañina ou intoxicación co propio eu, o desexo de facer dano, a falta de vergoña, a falta de pudor ou humildade, a confusión mental, a axitación, a falta de fe, a falta de confianza, a abulia ou falta de vontade, a desidia ou neglixencia, o olvido, a distracción ou inquietude, e a falta de discernimento sobre como son as cousas.

Esta seamana propomos comezar co traballo da ira. Cada dúas semanas  iremos revisando algunha destas formacións mentais para continuar con esta práctica ata finalizar o ano.

Animamos a todos e a todas a participar nesta tarefa de auto-observación, auto-coñecemento, auto-compaixón… que de seguro nos fará sentir máis estables, seguros, alegres e comprometidos co camiño. Máis abaixo tedes a explicación de Thay sobre como abordar a práctica.

Un fermoso loto,
futuros Budas.

NOTA: no seguinte enlace podes consultar tadas as semanas de práctica: https://terradepresencia.org/manual-para-a-plena-consciencia/

Se queres recibir as seguintes propostas no teu correo podes suscribirte á lista neste enlace: terradepresencia.org/suscripcion-o-correo-electronico/

SEMANA 25

Ser consciente de calquera formación mental (ira, medo, alegría, depresión, ansiedade…). Cada dúas semanas escolleremos unha para estudala e observala en nós, escolleremos a que máis nos fai sufrir. Estamos moi atentos á nosa respiración mentres observamos como xurde, mantense e esvaécese, non para reprimila ou espantala senón para coidala.

Identificarémola, recoñecerémola chamándoa polo seu nome (ola, ira…) no mesmo intre en que comeza a manifestarse. Concentrarémonos profundamente nese intre.

Como exemplo, imos estudar a ira. Cando xurde podemos concentrarnos na respiración. Evitaremos reaccionar contra a persona que cremos ser a causa da nosa ira (porque as raíces da nosa ira están en nós).

Sexa o que fora que nos está enfurecendo, tenderemos a pór toda a nosa atención niso e, ó igual que un bombeiro, habemos botar auga ó lume inmediatamente e non malgastar o tempo buscando á persoa que acendeu o lume. Non falar, non escoitar, non facer nada en absoluto, senón so concentrar a nosa mente en sentir e seguir a nosa respiración.

a) Identificala, recoñecela, abrazala coa Plena Consciencia.

Inhalo, sei que estou furioso, que hai ira en min.

Exhalo, sei que hei facerme cargo da miña ira.

Inhalo, sei que a enerxía da ira está en mí.

Exhalo, calmo, abrazo a miña ira.

b) Concentrarnos sobre a Formación Mental que está presente.

c) Como viu?

Que causas a orixinaron?

Cales son as súas raíces?

Que alimentos a nutren? (Catro clases de alimentos: 1. Comida, bebida; 2. Impresións sensoriais; 3. Desexo profundo*, ver se é ou non sano; 4. Conciencia-mente)

Escribiremos todo o que imos descubrindo que alimenta a nosa ira, co propósito de alimentala cada vez menos, todo aquilo que non se alimenta morre.

Se a Formación Mental nos da alegría e felicidade, manterémola con nós o maior tempo posible, e alimentarémola para que medre.

Se a Formación Mental nos da malestar, sufrimento, deixaremos de proporcionarlle os alimentos que a nutren.

(*) Desexo profundo: corremos detrás daquilo que cremos que nos fará felices…Queremos ser alguén…obter algo (unha casa, un coche, parella, etc…). Sintes que estás incompleto e corres e corres detrás de algo… pero todo xa está aquí, porque ÉS o que queres ser… xa ÉS. A plenitude é posible cando deixas de correr… Tes todo o cosmos en ti, mira o teu propio corpo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *