Que é unha sangha?

Unha sangha é unha comunidade. Dispomos dunha cabaña e un precioso xardín no que gozar dun refuxio para aprender e consolidar a práctica da atención plena, da plena consciencia (tamén chamada mindfulness): practicamos para vivir cada tarefa do día coma se fose unha meditación en sí mesma. Esa atención plena permítenos transformar o sufrimento e cultivar a alegría e a felicidade a cada intre.

Trátase dun espazo horizontal. Isto significa que, entre nós, non hai mestres nin aprendices; axudámonos uns aos outros a través da presenza e o compartir.

Cal é a tradición da sangha?

A sangha está suxeita á tradición de Plum Village fundada polo mestre zen Thich Nhat Hanh (ao que nos referimos con cariño como Thay), quen impulsou o que hoxe se coñece como budismo aplicado (no principio denominado budismo comprometido). No entanto, para estar na sangha non é preciso ser budista.

Este espazo está aberto a persoas de todas as culturas, idades, condicións económicas, sociais… O único que se require para formar parte dela é o interese por este xeito de vivir.

Como funciona unha sangha?

No zen, poderás oír ás veces esta expresión: nada que facer, nengún lugar a onde ir. Isto é ideal pero, con todo, pode resultar bastante difícil cando non dispomos da práctica (habilidade, constancia, solidez) precisa, e aí é onde podes fortalecerte coa Sangha. Nela aprendemos a valernos dalgunhas ferramentas que, coa nosa perseverancia e o apoio dos demáis, permiten que a plenitude se asente cada día algo máis en nós.

Practicamos o silencio, a meditación sentada, camiñando, cantamos, compartimos o Dharma (falamos e escoitamos ós demais con compaixón sobre o acontecer da vida), lemos, comemos, tomamos infusión, agradecemos á vida e ós devanceiros, rimos, choramos… e compartimos, en xeral, unha ledicia de vivir que nos alenta a seguir no Camiño.

É preciso ter algunha experiencia previa?

Non, nen un chisquiño, so precisas a vontade de comprometerte co resto da sangha. Gústanos definir este espazo coma unha pequena familia na que poder compartir os logros de cada semana, así como as frustracións por aquilo no que aínda estamos aprendendo. Sentirnos sostidos e soster ós demais.

Todos podemos aportar enerxía que nutra a comunidade, sen importar ter máis ou menos horas de práctica acumuladas. Cada un, segundo as súas experiencias, pode aportar algo valioso e único á sangha.

Quen pode acudir ás reunións da sangha?

Polo momento so podemos ofrecer o espazo de práctica a persoas adultas xa que aínda non se dan as condicións para poder acoller a nenos/as, mais gustaríanos que co tempo puideran formar tamén parte da comunidade. Con esa pequena restrición, estamos abertos a recibir a calquera persoa que teña interese na práctica ata onde as limitacións de espazo nolo permitan.

Que fago se quero acudir á sangha?

Na actualidade o espazo ten capacidade para 6 persoas, aínda que contamos cun espazo secundario para encontros máis amplos como festivais ou celebracións especiais. Agradecemos sempre que avisedes cando desexedes acudir aos encontros para asegurar que haxa espazo para todos e todas, atopándonos o máis cómodos posible, e que ninguén quede fora.

É preciso levar algo?

Grazas á xenerosidade de todos e todas as que integran a sangha, neste momento contamos con mantas, baquiños de meditación, coxíns ou cadeiras para todos, ainda así se prefires podes acudir co teu propio material de meditación.

Nos encontros semanais lembra acudir con roupa cómoda. Para os encontros mensuais animámoste a ler este apartado para asegurar que o día trascurra do xeito máis confortable posíbel para todos. Delegamos en cada un a responsabilidade de comunicar as súas propias necesidades para o bo desenvolvemente dos encontros.

Cando nos reunimos?

Facemos tres tipos de encontros: Sangha semanal, Compartindo coa Sangha e Días de Atención Plena.

Os encontros semanais son presenciais e fanse todos os venres pola tarde, en Vilas (Gondomar, Pontevedra, Galicia). Este é un pequeno tempo de encontro no que atopar nos irmáns e irmás da sangha un refuxio para descansar e fortalecer a nosa semente do espertar.

Por outra banda, celebramos o segundo sábado de mes un encontro chamado Compartindo coa Sangha, no que gozamos dunha tarde de non-práctica colaborando nalgunha tarefa que o precise. Ademáis cada último sábado de mes, celebramos un Día de Atención Plena no que afondamos nas prácticas con maior intensidade ó tempo que gozamos e sostemos a enerxía de toda a comunidade.

Hai que pagar algo para estar na sangha?

A vida, tan xenerosa con nós, puxo á nosa disposición un fermoso Xardín no que poder compartir cos demais a práctica, pois de balde chegou e de balde o ofrecemos!

Os gastos que debemos asumir para manter a comunidade son poucos, pero aínda así existentes. Entre estes gastos están algúns relacionados coa páxina web, pequenos materiais ou o almorzo e xantar dos Días de Atención Plena. Tamén aspiramos a facer algunhas melloras, como adquirir unha campá grande, polo que sería fermoso que puideramos facernos con ela grazas á xenerosidade de todos e todas.

A práctica da xenerosidade é parte dos adestramentos propostos polo mestre Thich Nhah Hanh para unha ética mundial. Por isto, e tal como recomendan dende Plum Village, teredes sempre á vosa disposición durante os encontros unha caixiña na que poder aportar económicamente o que desexedes cando desexedes (Dana). Isto é algo que queda na responsabilidade de cada un, sabendo que estamos aquí á vosa disposición para as vosas dúbidas ou propostas.

Se preferides, tamén podedes colaborar con achegas materiais ou con tempo de voluntariado na horta. Para calquera destas opcións contactade con nós e vemos a dispoñibilidade.

Quixeramos comentar que ningunha persoa da sangha percibe cartos polos encontros, e que todas as achegas recibidas están destinado ó mantemento da sangha. Do mesmo xeito, comprometémonos a mostrar con transparencia as contas mensuais de xeito que todos e todas poidamos involucrarnos nas melloras do espazo.

Estamos á vosa disposición,

Os irmáns e irmás da Sangha.