Estamos a mudar o aspeto do site e adaptando-o a multilingue assim que pode haver coisas bem estranhas! Muito obrigado pela vossa paciência :)

Propósito de Aninovo: afondar na práctica (Semana 1)

Queridos irmáns e irmás,

Que ledicia poder gozar dun novo ano! Que marabilla estar Aquí, no Vivir.

Estamos moi felices de compartir este camiño con tantas persoas fermosas. Verdadeiramente temos un gran anhelo de Sangha, de comunidade, coa que compartir cada paso coma unha gran familia. Canto nos enche a vosa Presencia, grazas irmanciños e irmanciñas!

Para celebrar este novo renacer, queremos facervos chegar un novo proxecto dentro da Sangha para afondar na práctica que iremos regando semana a semana ó longo deste recén inaugurado ano.

O mestre da nosa tradición, Thich Nhah Hanh, creou un manual accesible para laicos (os afíns á tradición do budismo comprometido sen necesidade de ser monxes) co que puidésemos avanzar na práctica da atención plena, reducindo o sufrimiento e fortalecendo a capacidade de xerar felicidade en calquera lugar e circunstancia.

De xeito individual, tanto Jorge coma eu (Alba) decidimos neste ano asumir o compromiso de facer esa inmersión, máis profunda e comprometida, na práctica de vivir conscientes e onte, no último instante, pensamos: por que non facer esta proposta a toda a Sangha?

Vivir plenamente conscientes significa estar conscientes de algo, e esa consciencia (de como me sinto, de que estou pensando, de que estou facendo, de que estou dicindo, de toda a vida que me rodea) é fonte de liberdade, alegría e auténtica felicidade, para quen o practica e para quen acompaña.

Como decía hai pouco Luis del Val, mestre do Dharma en España, “non estancarse nos niveis de práctica”. Como entendemos nós isto? Traspasemos a fronteira da meditación sentada, levemos a nosa práctica, a nosa atención, a nosa capacidade de vivir espertos, máis alá deses minutos de estar sentados en silencio. Levemos a práctica da espiritualidade a cada rincón do noso día.

O exercizo de base para esta vida atenta é a atención a respiración así que, máis alá das prácticas de profundización de cada semana, permanecemos sempre atentos a como está a nosa respiración e o noso corpo. Para isto podemos practicar as seguintes inhalacións / exhalacións atentas ó longo do día, tantas veces como lembremos facelo:

  1. Inhalo e sei que estou inhalando. Exhalo e sei que estou exhalando.
  2. Inhalo e sei que a miña inhalación é longa / curta / superficial / profunda. Exhalo e sei que a miña exhalación é longa / curta / superficial / profunda.
  3. Inhalo e sinto todo o meu corpo. Exhalo e sorrío a todas as células do meu corpo.
  4. Inhalo e son consciente da tensión no meu corpo. Exhalo e solto, relaxando a tensión do meu corpo.

Podes facer un carteliño ou unha pequena nota que che permita lembrar facer estas respiracións en distintas situacións, por exemplo antes de comer, antes de durmir, cada vez que bebes un vaso de auga…

A maiores desta atención á respiración, cada venres enviaremos unha proposta de práctica do manual de Thay para a plena conscienca, sobre a que traballar durante toda a semana. Son propostas moi concretas e sinxelas, que pretenden asentarse ó longo deses días para, na semana seguinte, poder engadir unha nova práctica ó noso vivir habitual.

Estamos verdadeiramente entusiasmados con este comezo de ano e gustaranos que poidas acompañarnos, na medida do teu sentir, neste reto de Vivir Plenamente Conscientes.

Un fermoso loto para ti, futuro Buda!

SEMANA 1

Ó espertar recito o gatha do espertar:

Esta mañá, ó espertar, sorrío.

Ante min, vintecatro horas radiantes.

Comprométome a vivir cada momento plenamente

e mirar a todos os seres cos ollos da compaixón.

Despois fago 10 respiracións conscientes:

Inhalo e sei que estou inhalando.

Exhalo e sorrío á vida, a este novo día e a min mesmo e a todas as células do meu corpo.