Prácticas

Tocar a Terra (Tres Prostracións)

Tocar a Terra é unha práctica que nos aporta unha nova visión interior. Practicando as tres prostracións cada día, serás capaz de disipar as ideas de nacemento e morte, do “eu” e da duración da vida, e deixarás de ter medo a morte.

Esta práctica pode transformar o teu medo e a túa angustia, restablecer a túa saúde e reconciliarte cos teus devanceiros e descendentes.

  1. Tocando a terra, conecto cos meus devanceiros e cos meus descendentes tanto da miña familia espiritual como biolóxica.

Os meus devanceiros espirituais inclúen ó Buda, ós bodhisattvas, á nobre Sangha dos discípulos de Buda, e ós meus propios mestres espirituais que aínda viven ou que xa faleceron. Están presentes en min porque me transmitiron as sementes de paz, sabedoría, amor e felicidade. Espertaron a miña fonte da comprensión e compaixón. Cando observo ós meus devanceiros espirituais, vexo ós que practican con toda perfección os preceptos, a comprensión e a compaixón, e ós que o fan aínda con imperfección. Acepto a todos eles porque en min mesmo vexo defectos e fraquezas.

Consciente de que a miña práctica da plena consciencia non sempre é correcta, e consciente de que non sempre estou practicando coa compaixón e a comprensión que quixese, abro o meu corazón e acepto a todos os meus descendentes espirituais. Algúns dos meus descendentes practican os adestramentos da plena consciencia, a compaixón e a comprensión dun xeito moi respectable e digno, pero tamén están aqueles que se atopan con moitas dificultades e están constantemente suxeitos a altibaixos na sua práctica.

Do mesmo xeito, acepto a todos os meus devanceiros maternos e paternos. Acepto as súas cualidades boas e as súas debilidades. Abro o meu corazón e acepto a todos os meus devanceiros de sangue coas súas boas cualidades, os seus talentos e as súas debilidades.

Os meus devanceiros espirituais e de sangue, os meus descendentes espirituais e de sangue, todos eles son parte de min. Eu son eles e eles son eu. Non teño un ser separado. Todos existimos como parte dun río marabilloso de vida fluíndo constantemente.

  1. Tocando a terra, conecto con todas as persoas e especies que comparten comigo este intre de Vida na Terra.

Son un coas formas marabillosas de vida radiando en todas as direccións. Vexo a estreita conexión entre min e os outros, como compartimos alegrías e sufrimentos. Son un con aqueles que naceron cunha discapacidade ou ós que a guerra, accidentes ou enfermidade fixeron discapacitados. Son un con aqueles que están atrapados por unha guerra ou opresión.

Son un con aqueles que non atopan felicidade na vida familiar, que non teñen raíces nin paz mental. Aqueles que están famentos de comprensión e amor, aqueles que buscan algo íntegro, fermoso e verdadeiro para abrazalo e crer. Son alguén a piques de morrer con moito medo, sen saber que vai pasar. Son un neno vivindo nun lugar miserento e insalubre, coas pernas e brazos febles, sen perspectivas dun futuro mellor.

Tamén son o fabricante das bombas que envían ós países pobres. Son a ra nadando na charca e tamén a serpe que precisa nutrirse da ra. Son o verme ou a formiga que o paxaro busca para comelos, e son o paxaro buscando ó verme e á formiga. Son o bosque que están tallando. Son o aire e os ríos contaminados, e son a persoa que talla o bosque e contamina os ríos e o aire. Véxome a min mesmo en todas as especies e vexo a todas as especies en min.

Son un cos grandes seres que realizaron a verdade do non-nacemento, non-morte e observo as formas de vida e morte, felicidade e sufrimento con ollos tranquilos. Son un con aquelas persoas que teñen a mente en paz, que dispoñen de amor e entendemento, que son capaces de tocar o que é marabilloso, nutritivo e curativo, persoas que tamén son capaces de abrazar o mundo cun corazón aberto e actuar onde faga falla.

Teño suficiente paz, alegría e liberdade en min para ser capaz de ofrecer a miña alegría e a miña coraxe ás demais persoas que viven preto de min. Non estou so nin illado. O amor e a felicidade dos grandes seres deste planeta axúdanme para non fundirme no desacougo. Eles axúdanme para que viva a miña vida de xeito consciente, con verdadeira paz e alegría. Recoñézoos en min, e véxome a min mesmo en todos eles.

  1. Tocando a terra, solto a idea de que son este corpo e que a miña vida é limitada.

Observo que este corpo, feito polos catro elementos, non son eu realmente e non estou limitado por este corpo. Son parte dun río de vida de devanceiros espirituais e de sangue que fluíron ata o presente dende fai milleiros de anos e seguirán fluíndo milleiros de anos no futuro. Son un cos meus devanceiros. Son un con todas as persoas e especies, pacíficas e sen medo, ou sufrintes e fráxiles. Neste intre estou presente en todos os lugares deste planeta. Tamén estou presente no pasado e no futuro. A desintegración deste corpo non me concirne, do mesmo xeito que a flor da ameixeira que cae non é o fin da ameixeira.

Véxome coma unha ola na superficie do océano. Véxome en todas as outras olas e vexo ás outras olas en min. O aparecer e desaparecer da forma das olas non afecta ó océano. O meu corpo do Dharma e a miña vida espiritual non están suxeitos ó nacemento e á morte. Vexo a miña presencia antes de que o meu corpo se manifestara e despois de que o meu corpo se desintegre. Ata neste mesmo intre, vexo como existo mais alá do corpo. A duración da miña vida é sen límite, como a duración da vida do Buda. Son un corpo que non está separado no espazo e no tempo de todas as demais formas de vida.


Para máis información:

Enseñanzas sobre el amor, Thich Nhat Hanh

Cantos del corazón, Thich Nhat Hanh

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *