Estamos a mudar o aspeto do site e adaptando-o a multilingue assim que pode haver coisas bem estranhas! Muito obrigado pela vossa paciência :)

Tocar a Terra (Cinco Prostracións)

A práctica de Tocar a Terra, coñecida tamén como reverencia profunda ou prostración, axúdanos a regresar á terra e ás nosas raíces, recoñecendo que non estamos sós senón conectados coa liñaxe de todos os nosos devanceiros familiares e espirituais. Tocando a terra, renunciamos á idea de que estamos separados e lembramos que formamos parte da vida.

Cando tocamos a terra, facémonos pequenos, coa humildade e simplicidade dun neno cativo. E tamén nos facemos grandes, como árbores vellas que funden as súas raíces profundamente no chan. Cando toques a terra, permanece preto dela e déixate ser ela: permite que a terra te absorba. Canto máis en contacto estás, canto máis te fundes con ela, tórnaste en nada para poder ser todo.

Para comezar esta práctica, xunta as palmas das mans ante o teu peito formando unha especie de flor de loto. Sube as túas mans unidas ata a testa, en sinal de que mente e corpo están unidos nese momento, e despois regresa con elas ó corazón para baixar o teu corpo lentamente cara o chan, ata que os teus nocellos, antebrazos e cabeza descansen comodamente no chan. Coa testa tocando o chan, vira as mans coas palmas cara arriba, abríndote ás Tres Xoias (o Buda, o Dharma e a Sangha). Inhala toda a fortaleza e estabilidade da terra e exhala coa intención de liberarte de todo o sufrimento.

  1. Agradecido, próstrome ante todas as xeracións de devanceiros da miña familia.

Vexo á miña nai e ó meu pai, o seu sangue, carne e vitalidade circula polas miñas veas e nutre todas e cada unha das miñas células. Máis alá deles vexo tamén ós meus catro avós. Por min corre a vida, o sangue, a experiencia, a sabedoría, a felicidade e a tristeza de todas as xeracións que me precederon. Abro o meu corazón, a miña carne e os meus ósos e me deixo impregnar pola enerxía da intuición, o amor, e a experiencia que me transmitiron os meus devanceiros. Vexo que a orixe das miñas raíces procede de meu pai, de miña nai, dos meus catro avós e de todos os meus devanceiros. Son so unha continuación desta liñaxe ancestral. Sei que os pais sempre aman e apoian ós seus fillos e netos, aínda que, debido a multitude de dificultades, non sempre sexan capaces de expresalo de xeito adecuado. Deixo que, como prolongación dos meus devanceiros, a súa enerxía flúa a través de min e solicito o seu apoio, protección e fortaleza.

  1. Agradecido, próstrome ante todas as xeracións de devanceiros da miña liñaxe espiritual.

Véxome nos meus mestres, que me mostran o camiño do amor e a comprensión, o xeito de respirar, sorrir, perdoar e vivir con profundidade no momento presente. A través de Thay vexo a todos os mestres de innumerables xeracións, a todos os bodhisatvas, e ó Buda Sakyamuni que iniciou a miña familia espiritual. Abro o meu corazón e o meu corpo para recibir a enerxía da comprensión, o amor compasivo e a protección bondadosa do Buda, do Dharma e da Sangha ó longo de moitas xeracións. Son a continuación do Buda, do Dharma e da Sangha. Pido ós meus devanceiros espirituais que me transmitan a sua infinita fonte de enerxía, paz, estabilidade, comprensión e amor. Fago o voto de practicar coa intención de transformar o meu sufrimento e o sufrimento do mundo e transmitir a enerxía da miña liñaxe espiritual ás futuras xeracións de practicantes.

  1. Agradecido, próstrome ante este lugar e ante todos os devanceiros que o fixeron posible.

Sinto que formo parte deste lugar e me sinto tamén nutrido e protexido por el e por todos os seres vivos que estiveron aquí; o seu esforzo fixo posible que hoxe poida vivir aquí. Vexo ós meus devanceiros que converteron este lugar nun refuxio para nós gracias ó seu talento, perseveranza e amor; a aqueles que dedicaron a sua vida á construción de escolas, hospitais, estradas… e a protexer os dereitos humanos, a desenvolver a ciencia e a tecnoloxía, e a buscar a liberdade e a xustiza social. Véxome conectado cós meus devanceiros que durante tanto tempo viviron neste lugar en paz e harmonía coa natureza, coidando das súas montañas, bosques, animais, vexetais e minerais. Sinto a enerxía deste lugar impregnando o meu corpo e a miña alma, aceptándome e sosténdome. Comprométome a facer o que estea na miña man para transformar a violencia, o odio e a ilusión que están aínda de xeito profundo na conciencia desta sociedade para que as futuras xeracións poidan ter maior seguridade, alegría e paz, e solicito para iso o apoio e a protección deste lugar.

  1. Agradecido e compasivo, próstrome e transmito a miña enerxía ós seres ós que amo.

Quero transmitir agora toda a enerxía que recibín ó meu pai, á miña nai, a todas as persoas as que amo, a todos os que sufriron e se preocuparon por min e polo meu benestar. Sei que na miña vida non fun o suficientemente consciente. Tamén sei que aqueles ós que amo tiveron multitude de dificultades e sufriron por non ter a sorte de gozar dun entorno que favorecese o seu pleno desenvolvemento. Desexo que todos gocen de saúde e alegría. Transmito a miña enerxía a todos eles para que poidan sorrir e sentir a alegría de estar vivos. Sei que cando eles son felices, eu tamén o son. Rezo por todos os meus devanceiros, tanto da miña liñaxe familiar como espiritual, e a todos eles dirixo a miña enerxía como xeito de protexelos e apoialos. Son un con todos os que amo.

  1. Agradecido, próstrome de xeito comprensivo e compasivo coa intención de reconciliarme con todos os que me fixeron sufrir.

Abro o meu corazón e envío a miña enerxía amorosa e compasiva a todos os que me fixeron sufrir, destruíron parte da miña vida e da vida dos que amo. Agora sei que esas persoas experimentaran moito sufrimento e que os seus corazóns estaban cargados de sufrimento, ira e odio. Sei que quizais foron desafortunados, que nunca tiveron a sorte de que alguén os amase ou se preocupase por eles. A vida e a sociedade causáronlle moitas dificultades, e non foron guiados pola senda dunha vida consciente, acumulando ideas erradas sobre a vida ou sobre min. Rogo ós meus devanceiros familiares e espirituais que lles envíen a sua enerxía de amor e protección, para que os seus corazóns poidan transformarse ata experimentar o gozo de vivir, de xeito que deixen de facerse sufrir a si mesmos e ós demais. Consciente do seu sufrimento, non quero seguir albergando cara eles ningún sentimento de odio ou ira. Non quero facelos sufrir. Cara aí oriento a miña enerxía amorosa e comprensiva, solicitando para iso, a axuda de todos os meus devanceiros.

  1. Agradecido e compasivo, próstrome ante as miñas antigas raíces espirituais.

Véxome a min mesmo como un neno, asistindo na Igrexa á Santa Misa. Vexo ó sacerdote e ós fregueses congregados. Sei que a comunicación con eles era complexa e que non recibín demasiada alegría ou alimento daqueles servizos relixiosos. A causa da falta de comuñón e comprensión entre a miña familia espiritual e eu mesmo, deixei de frecuentar a Igrexa, perdendo o contacto cos meus devanceiros espirituais. Agora sei que na miña tradición espiritual tamén hai xoias, e que a vida espiritual da miña tradición contribuíu a estabilidade, a alegría e a paz dos meus devanceiros ó longo de moitas xeracións. Quero volver a eles para descubrir de novo os grandes valores espirituais da miña tradición, para o meu propio alimento e para o dos meus fillos, e os fillos dos meus fillos. Desexo volver a conectar cos meus antigos devanceiros espirituais para que a sua enerxía espiritual volva fluír libremente no meu interior. Considero a Xesús, a María, a San Francisco de Asís, á Nai Teresa de Calcuta e moitos outros coma os meus devanceiros espirituais e próstrome ante eles neste intre, o único intre que conta realmente.


Para mais información podes consultar os seguintes libros:

Enseñanzas sobre el amor, de Thich Nhat Hanh

Felicidad, de Thich Nhat Hanh

Cantos del corazón, de Thich Nhat Hanh