Prácticas

A campá

O son da campá é a voz do noso Buda interior, que representa a capacidade de estar atentos, atentas, e de ser comprensivos e compasivos. Escoitar o son da campá é escoitar a voz da comprensión e a compaixón que hai no noso interior, chamándonos ó noso fogar e recordándonos a necesidade de estar en paz con nós e co mundo.

Cando escoitamos o son da campá, quedamos quedos e en silencio, relaxamos o noso corpo e tomamos conciencia da respiración. Facémolo dun xeito natural, alegre e despoxado de tensión e solemnidade. Hai veces nas que, malia que o noso corpo está no fogar, nós con todo non o estamos. A nosa mente está en calquera lugar mais a campá pode traer de novo a mente ó corpo.

Na nosa tradición, non falamos de “tocar” a campá, senón de “invitar a campá”. Por iso chamamos “mestre campaneiro” á persoa que invita a campá e “invitador” ó madeiro usado para elo. É importante aprender a invitar a campá a soar. Canto máis estables, espertos/as, libres e atentos/as esteamos, o son da campá que invitamos máis contribuirá a que, quen a escoite, conecte co máis profundo do seu ser.

Para invitar a campá, o primeiro que fas é inclinarte ante ela. A campá é como un amigo que che axuda a conectar a túa mente co teu corpo. Inhala e exhala atentamente mentres invitas a campá a soar. Se non estás completamente presente, aquí e agora, será difícil que te convertas nun bo mestre campaneiro. Por iso, despois de ter inhalado e exhalado dúas veces mentres recitas o seguinte gatha, estarás preparado para invitar a campá:

Co corpo, fala e mente en perfecta unidade

envío o meu corazón co son desta campá.

Que quen a oía esperte do esquecemento

e transcenda toda ansiedade e sufrimento.

Comeza facendo un pequeno son para espertar a campá. É importante avisar á campá e ás persoas de que a campá pronto soará para que estean totalmente presentes. Podes facer unha inhalación e unha exhalación para deixar o tempo suficiente para que estean preparados/as para escoitar o son completo da campá. Logo invita á campá a emitir un son pleno. Inhala e exhala profundamente tres veces, mentres recitas en voz baixa o seguinte gatha:

Escoita, escoita,

este son marabilloso lévame de novo ó meu verdadeiro fogar.


Para máis información podes consultar os seguintes libros:

Felicidad (Thich Nhat Hanh)

Plantando semillas (Thich Nhat Hanh)

E tamén estes vídeos curtos:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *