Prácticas

Cinco Adestramentos

Os cinco adestramentos da plena consciencia representan a visión de todos os nosos devanceiros espirituais para unha espiritualidade e unha ética mundial. Son unha expresión concreta dun camiño de sabedoría e amor verdadeiro que leva á curación, a transformación e a felicidade para nós e para o mundo.

Practicar os cinco adestramentos é cultivar un estilo de vida que pode eliminar toda forma de discriminación, intolerancia, ira, medo e desesperación. Ó seguir este xeito de vivir, non nos perdemos na confusión sobre a nosa vida presente e o medo sobre o futuro.

Considera os cinco adestramentos da plena consciencia como un espello claro no cal nos miramos.

Primeiro Adestramento: Reverencia cara a vida

Consciente do sufrimento causado pola destrución da vida, comprométome a cultivar a miña comprensión do interser e a miña compaixón, a fin de aprender como protexer a vida de persoas, animais, plantas e minerais. Comprométome a non matar, a non deixar que outros maten e a non apoiar ningún acto de violencia no mundo, no meu pensamento ou no meu xeito de vivir. Comprendo que toda violencia causada polo fanatismo, o odio, a avidez e o medo teñen orixe nunha visión dualística e discriminatoria. Adestrareime para miralo todo con amplitude de miras, sen discriminación nin apego a ningún punto de vista e a ningunha ideoloxía, e poder transformar a violencia e o dogmatismo que residen en min e no mundo.

Segundo Adestramento: Verdadeira Felicidade

Consciente do sufrimento causado polo roubo, a opresión, a explotación e a inxustiza social, comprométome a practicar a xenerosidade nos meus pensamentos, nas miñas palabras e nos meus actos da vida diaria. Compartirei o meu tempo, enerxía e recursos materiais con aqueles que os precisen. Comprométome a non apropiarme de nada que non me pertenza. Adestrareime en mirar profundamente para ver que a felicidade e o sufrimento dos demais están estreitamente ligados á miña propia felicidade e sufrimento. Comprendo que a verdadeira felicidade non é posible sen comprensión e amor, e que buscar a felicidade nos cartos, a fama, o poder ou o pracer sensual xera moito sufrimento e desesperanza.

Profundarei a miña comprensión da verdadeira felicidade, que depende máis da miña forma de pensar que de condicións externas. Se son capaz de establecerme no momento presente, podo vivir feliz aquí e agora, na sinxeleza, recoñecendo que existen numerosas condicións para ser feliz que xa están dispoñibles en min e entorno a min. Consciente disto, comprométome a elixir un medio de vida correcto para reducir o sufrimento e contribuír ó benestar de tódalas especies sobre a Terra e, en particular, actuando para deixar de contribuír ó cambio climático.

Terceiro Adestramento: Amor verdadeiro

Consciente do sufrimento provocado por unha conduta sexual irresponsable, comprométome a cultivar a responsabilidade e aprender a protexer a seguridade e a integridade de individuos, parellas, familias e da sociedade. Sei que o desexo sexual e o amor son dúas cousas distintas, e que as relacións sexuais irresponsables baseadas na avidez dáname tanto a min coma ós demais. Comprométome a non manter relacións sexuais sen amor verdadeiro e sen un compromiso profundo, a longo prazo e coñecido polos meus parentes e amigos. Farei todo o que estea na miña man para protexer ós nenos do abuso sexual e para evitar que as parellas e familias se rompan a causa dunha conduta sexual irresponsable. Consciente de que o corpo e a mente son un, comprométome a aprender xeitos apropiados de coidar a miña enerxía sexual. Comprométome a cultivar a bondade amorosa, a compaixón, a alegría e a inclusividade en min para a miña propia felicidade e a felicidade dos demais. Sei que a práctica deses catro fundamentos do amor verdadeiro me garantirán unha continuación feliz no futuro.

Cuarto Adestramento: Fala Amorosa e Escoita Profunda

Consciente do sufrimento causado por palabras irreflexivas e pola incapacidade de escoitar ós demais, comprométome a aprender a falar a todos con amor e a desenvolver unha escoita profunda que alivie o sufrimento e promova a paz e a reconciliación nas miñas relacións cos demais, entre grupos étnicos e relixiosos e entre as nacións. Sei que as palabras poden crear felicidade ou sufrimento, e me comprometo a falar con honestidade, a empregar palabras que inspiren a todos confianza en si mesmos, que alimenten a alegría, a esperanza, e promovan a harmonía e a comprensión mutuas. Comprométome a non dicir nada cando me invada a ira. Nese caso, adestrareime en respirar e camiñar en plena consciencia para poder recoñecer esa ira e observar profundamente as súas raíces, especialmente nas miñas percepcións erróneas e na miña falta de comprensión do meu propio sufrimento e no da persoa contra a que dirixo a miña ira.

Quinto Adestramento: Transformación e curación

Consciente do sufrimento provocado por un consumo irreflexivo comprométome a aprender a nutrir de xeito san o meu corpo e a miña mente e a transformalos, cultivando a boa saúde tanto física como mental pola miña práctica da plena consciencia cando como, bebo ou consumo. A fin de non intoxicarme, adestrareime en observar con profundidade o meu consumo dos catro tipos de alimentos: os alimentos comestibles, as impresións sensoriais, a volición e a conciencia. Comprométome a absterme de xogos de azar, alcohol, drogas, e a non consumir ningún produto que conteña toxinas, como certas páxinas web, xogos electrónicos, músicas, películas, programas de televisión, revistas, libros e incluso certas conversacións. Practicarei con regularidade o volver ó momento presente para estar en contacto cos elementos nutritivos e saudables que se atopan en min e en torno a min. Non deixarei que me arrastren os remordementos e as penas do pasado, nin as preocupacións ou medos polo futuro. Comprométome a non empregar o consumo como un medio para fuxir do sufrimento, a soidade ou a ansiedade. Adestrareime en observar con profundidade a natureza interdependente de cada cousa, de xeito que, ó consumir, nutra a alegría e a paz tanto no meu corpo e na miña conciencia como no corpo e a conciencia colectiva da sociedade e do noso planeta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *